Sede electrónica Concello de Pontedeume

16:35:32 Sábado 7 de xuño 2025
Estás en:

Detalle trámite

Solicitude de Comunicación de Fogueiras de San Xoán e San Pedro 2025

Atendendo ao establecido na Lei 3/2007 de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e na Lei 7/2012 de 28 de xuño, de montes de Galicia, con motivo da celebración das festividades do San Xoán e do San Pedro nas tardes/noites dos días 23 a 24 e 28 a 29 de xuño, respectivamente, comunícase á veciñanza de Pontedeume que todas aquelas persoas, asociacións ou entidades organizadoras que teñan previsto realizar unha fogueira nesas datas, deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello antes das 14.00 horas do 20 de xuño de 2025, a correspondente comunicación previa, ou solicitude de autorización, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización ou comunidade ademais do emprazamento da fogueira.

A autorización municipal para este tipo de eventos populares resulta obrigatoria, tanto se comporta unha ocupación especial e temporal das vías ou espazos públicos, como se fora realizada en terreos de titularidade privada, consonte ao disposto nos artigos 41 letra c) da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do Emprendemento e da competitividade económica de Galicia), e 36.5 da Lei 3/2007 de 9 abril, da Comunidade Autónoma de Galicia, de prevención e defensa contra os incendios forestais, art. 4 c) da Lei 10/2017 de Espectáculos públicos e actividades recreativas, art. 3 e) e apartado II.5 do Anexo do Decreto 124/2019 de Galicia, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

As fogueiras en locais sociais, prazas, praias, parques e xardíns municipais (así como calquera outro ben de dominio público de carácter especial): deberán contar coa previa autorización municipal.

As solicitudes que eventualmente resultasen concedidas quedarán condicionadas na súa validez e eficacia a que o índice de risco diario de incendio forestal non sexa extremo, debendo entenderse automaticamente revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade. Pódese consultar na seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/es/temas/defensa-monte/irdi.

Preferentemente de xeito telemático, a través do botón “Iniciar trámite”.

No caso de non poder acceder a presentación telemática, deberán presentar a comunicación, segundo o modelo oficial dispoñible nesta sede electrónica, nas oficinas do Rexistro Municipal en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Prazo de presentación: ata o venres 20 de xuño.

  • Solicitude de comunicación da realización de fogueiras de San Xoán e San Pedro no Concello de Pontedeume 2025.
  • Copia DNI/NIF das persoas, asociaciacións ou entidades organizadores.

Normas para realización das fogueiras.
1.- A autorización municipal para este tipo de eventos populares resulta obrigatoria, tanto se comporta unha ocupación especial e temporal das vías ou espazos públicos, como se fora realizada en terreos de titularidade privada, consonte ao disposto nos artigos 41 letra c) da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do Emprendemento e da competitividade económica de Galicia), e 36.5 da Lei 3/2007 de 9 abril, da Comunidade Autónoma de Galicia, de prevención e defensa contra os incendios forestais, art. 4 c) da Lei 10/2017 de Espectáculos públicos e actividades recreativas, art. 3 e) e apartado II.5 do Anexo do Decreto 124/2019 de Galicia, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

2.- As solicitudes que eventualmente resultasen concedidas quedarán condicionadas na súa validez e eficacia a que o índice de risco diario de incendio forestal non sexa extremo, debendo entenderse automaticamente revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade. Pódese consultar no seguinte enlace: https://mediorural.xunta.gal/es/temas/defensa-monte/irdi.

3.- As fogueiras en locais sociais, prazas, praias, parques e xardíns municipais (así como calquera outro ben de dominio público de carácter especial): deberán contar coa previa autorización municipal.

4.- Están prohibidas as fogueiras nos espazos naturais protexidos.

5.- No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm. en toda a superficie da fogueira.

6.- Para a celebración das fogueiras en terreos de propiedade privada deberán presentar comunicación, segundo o modelo oficial dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Pontedeume. No caso de non poder acceder a esta forma de presentación, deberán presentarse no rexistro municipal en horario de 09:00 a 14:00 horas, e como data límite o martes 20 de xuño.

7.- En zona rural o volume do combustible da fogueira non excedera os 3 metros de diámetro ou de perímetro, nin os 3 metros de altura.

8.- Se a fogueira está en zona urbana, o volume do combustible da fogueira non excederá os 3 metros de diámetro, 6 metros de perímetro, nin 2 metros de altura.

9.- A fogueira estará situada a unha distancia mínima de 50 metros de vivendas, vehículos, instalacións, e locais nos que se almacenen produtos inflamables; tampouco se situarán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.

10.- Disporase no lugar dun sistema de extinción de incendios axeitado á proporción da fogueira.

11.- É obrigatorio cumprir o establecido na Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

12.- No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.

13.- Prohíbese queimar plásticos, pneumáticos, espumas de poliuretano ou calquera outro produto que xere fume tóxico, produtos inflamables ou envases presurizados.

14.- O/a responsable non abandonará o lugar ata en canto non quede totalmente apagado o lume, e unha vez extinguido humedecerá os restos con auga.

15.- A hora límite para rematar a celebración é as 04:00 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no art. 5.II.5 da Orde de 23/10/20 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia (DOG 30/10/20), para a celebración de festas e romarías populares.

16.- Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a fogueira e/ou sardiñada.

17.- A comunicación de queima non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos ou perdas que houbera lugar no caso de producirse un incendio polo uso do lume, cando concorra neglixencia ou imprudencia, ou incumprimento das normas de prevención.

18.- Este Concello, por iniciativa propia ou por instancia do Servizo Territorial de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, poderá revogar autorización nos casos en que non sexa posible garantir as medidas de seguridade e prevención de incendios.

19.- O solicitante sempre será o responsable dos danos e prexuízos que a fogueira ocasione.

20.- No caso de detectarse algún problema deberá chamar ao 112.